Santiago, 14 de novembro de 2017– Esta mañá celebrouse un novo acto con motivo da celebración do 50 aniversariodo CIFP Compostela, desta vez, protagonizado polo recoñecido cociñeiro Iñaki Bretal. O chef, propietario do restaurante pontevedrés O Eirado da Leña e membro do Grupo Nove, levou a cabo un showcooking sobre unha das súas especialidades: a cociña con camelias, unha das plantas emblemáticas da nosa comunidade e con moitas posibilidades dentro do ámbito gastronómico.
Durante o showcooking, que se celebrou na aula de I+D+i da escola de Lamas de Abate, o cociñeiro transmiu os seus coñecementos aos asistentes a través da preparación de diferentes pratos: un peixe, unha carne e un postre, todos eles coa camelia como base. Para a súa elaboración, Bretal utilizou diferentes partes da pranta, como o aceite de camelia, o té, as follas ou as propias flores.
Ademais, durante a súa demostración o chef do Grupo Nove ensinoulle aos alumnos como utilizar na cociña diferentes variedades desta flor, como a Sinensis, a Japónica ou a Sasanqua.
Próximos eventos
Os actos do 50 aniversario continuarán ata finais do mes de novembro. A seguinte e última cita programada será unha conferencia sobre xornalismo gastronómico, na que estarán presentes o crítico gastronómico Carlos Maribona, o xornalista Miguel Vila e o cociñeiro da tvg André Arzúa. A participación, tanto para as conferencias como para os showcookings programados, é gratuíta.