Xeradores opinión Santiago, 7 de novembro de 2017– O CIFP Compostela continúa en novembro co seu ciclo de conferencias e showcookings, que levan realizándose durante todo o ano na escola de Lamas de Abade para celebrar o 50 aniversario do centro.  Esta mañá tivo lugar unha nova conferencia, baixo e título de ‘Xeradores de opinión. Sobrevivindo aos algoritmos’, na que expertos de coñecidas empresas a nivel nacional e internacional como Mi Nube, Vivential Value ou Trust You, mostraron aos alumnos e asistentes os seus coñecementos en materia de reputación en liña.

Gonzalo Moreno de León, Chief Product Officer & Strategy Director da coñecida app de viaxes Mi Nube, falou para os presentes sobre o futuro das opinións na restauración española, facendo un repaso desde o punto de vista da súa empresa do panorama actual que presenta o sector e dos retos que están aínda por abordar.

Rafael González, fundador e socio director en Vivential Value, unha compañía pioneira nos estudos de reputación turística, expuxo na súa conferencia os segredos da reputación en 360º: opinións online, big data e competitividade na hostalería e o turismo.

Por último Gastón Richter, Director Enterprise Sales para España, Portugal e Brasil de TrustYou, empresa punteira no deseño de novas tecnoloxías para facilitar a xestión da reputación; presentou algunhas das súas ferramentas de referencia e explicou como aproveitar a reputación en liña para impulsar os negocios hostaleiros.

Próximos eventos

Os actos do 50 aniversario continuarán ata finais do mes de novembro. A seguinte cita programada será un showcooking sobre a cociña con camelias do chef do Grupo Nove Iñaki Bretal. A participación, tanto para as conferencias como para os showcookings programados, é gratuíta, previa inscrición na webhttps://50cifpcompostela.com/gl/.