Xornalismo gastronómico Santiago, 24 de novembro de 2017– O CIFP Compostela pechou o ciclo de conferencias programadas polo seu 50 aniversario, que comezaron no mes de abril, cun coloquio celebrado onte no salón de actos do centro,  e que versou sobre o código ético no xornalismo gastronómico do futuro.

A conferencia, que moderou o coñecido presentador do telexornal da Televisión de Galicia Carlos Macía; tivo como protagonistas a 3 persoeiros destacados no mundo da comunicación gastronómica: Carlos Maribona, crítico gastronómico para ABC e autor dun dos blogues máis importantes do país, Salsa de Chiles; Miguel Vila, director da revista gastronómica BenBo e autor do blogue Colineta; e André Arzúa, propietario do restaurante A Fábrica de Vilanova, cociñeiro no programa da TVG A Cociña de André e creador do Espazo Abella, un lugar pensado para a formación de chefs profesionais.

As actividades non rematan

Pese a pechar con este evento o ciclo de conferencias, as actividades do 50 aniversario do CIFP Compostela aínda non remataron. O vindeiro martes 28 celebrarase no centro, co gallo da conmemoración dos 25 anos da Expo de Sevilla 92, un xantar de confraternidade coa asociación Amigos da Cociña Galega, coa que colaboraron alumnos da escola no restaurante do pavillón de Galicia desta Exposición Universal.

Tamén está programado, para principios de decembro, o acto de clausura das actividades do 50 aniversario, no que se celebrarán degustacións especiais,showcookings e masterclass para o desfrute dos alumnos e o resto de asistentes.