Expertos en márketing hostaleiro destacan a importancia das novas tecnoloxías no éxito empresarial

O salón de actos do CIFP Compostela acolleu o primeiro dos relatorios organizados con motivo do 50 aniversario do centro. Máis dun centenar de persoas, entre alumnos, ex alumnos, profesionais e amantes do mundo da restauración déronse cita para escoitar a tres dos máis importantes expertos nacionais en márketing hostaleiro.

Diego Coquillat investiga o proceso de transformación dixital da hostalería, e actualmente dirixe a axencia SMRestauranting. O profesor na Universidade de Alacante, a UNED, a Escola Chicote e o Basque Culinary Center explicou que “nos enfrontamos a un novo cliente, hiper conectado, informado e moito máis esixente. A tecnoloxía permítelle acceder a información onde e cando quere” polo que “xa non están limitados ao espazo físico de mesas e cadeiras”. Coquillat lanzou unha mensaxe moi clara: “É vital para a supervivencia do sector entender que a tecnoloxía permite que o cliente sexa cliente moito antes de ir ao restaurante, e que non deixa de selo unha vez que se marcha”.

Daniel Iglesias foi outro dos protagonistas da xornada. Experto na creación de estratexias de comunicación na internet, fundador de Soyunamarca.com e organizador do Congreso “Gastromarketing“, explicou aos asistentes cal pode ser o uso do márketing en tempo real, “axudando a usuarios de redes sociais a atopar un restaurante xusto cando o necesita”. O obxectivo é, segundo afirmou, que os negocios poidan “mellorar a súa reputación con accións creativas e ferramentas online” que cativen e ofrezan valor engadido aos clientes.

Erika Silva, fundadora da Escola de Márketing Gastronómico Online, explicou os cambios de futuro na xestión dos restaurantes e lembrou que, na actualidade, “dous de cada tres consumidores buscan produtos que lles proporcionen un estilo de vida saudable”. Para ela, o obxectivo que debe marcarse todo empresario é “facer soñar ao cliente, inspiralo” e lembrou que, en 2016, sacáronse máis fotos que nos últimos 100 anos, moitas delas de suxestivos pratos de comida.

Os actos do 50 aniversario continuarán durante os meses de maio, outubro e novembro. A seguinte cita do programa será un relatorio sobre o ‘Futuro da intermediación na hostalería’, onde falarán responsables das empresas Atrápalo.com e ElTenedor. Tamén están organizados para o mes que vén dous Showcooking-Catas a cargo da Denominación de Orixe Ribera del Duero o e do chef Alberto Lareo, do restaurante Manso de Santiago, centrado na cociña das algas.

Martín Berasategui empraza os estudantes a ser perserverantes, inconformistas e actuar con ambición sa

Inauguración 50 CIFP Compostela

O Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Compostela celebra o seu 50 aniversario convertido hoxe nun referente nacional e internacional nos estudos de FP de Hostalería e Turismo. O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, presidiu  acto central desta conmemoración, que contou coa presenza como invitado especial do chef Martín Berasategui; ambos acompañados do director do centro, Ramiro Esparís; e do director xeral de Educación, FP e Formación Profesional, Manuel Corredoira.

Martín Berasategui destacou que o avance acadado no eido gastronómico non sería posible sen a existencia de centros de formación coma o CIFP Compostela. Tras subliñar que a orixe da actual cociña comeza polas materias primas que proporciona a natureza, emprazou aos estudantes do centro a ser perseverantes, inconformistas e actuar con “ambición sa” para seguir medrando na súa profesión.

Na súa intervención, o conselleiro Román Rodríguez destacou o CIFP Compostela como centro precursor do ensino da Hostalería en España, cuxas ensinanzas foron unha constante e un sinal de identidade ao longo destas cinco décadas. Segundo o conselleiro, o seu proxecto pedagóxico encaixa á perfección no modelo de formación profesional que estamos a desenvolver para a vindeira década.

O responsable de Educación do Goberno galego aproveitou para agradecer o traballo desenvolvido por este centro e a súa constante aposta pola innovación e pola calidade, unha traxectoria avalada polos numerosos premios acadados polo seu alumnado en múltiples competicións (Galiciaskills, Spainskills, Euroskills, Innova FP).

Precisamente, en referencia aos estudantes que están e que pasaron por este CIFP (nove deles foron recoñecidos con estrelas Michelin), o conselleiro amosou o orgullo de contar cuns profesionais preparados, emprendedores e de prestixio cuxa formación académica e traxectoria profesional contribúe a reforzar un sector estratéxico e con gran potencial en Galicia, como é o da Hostalería, e, sobre todo, “a dignificar a profesión”.

Fomentar o emprendemento

Aproveitando a celebración deste 50 aniversario, quedou inaugurado o viveiro de empresas do centro, que comezará a funcionar de xeito inmediato, e cuxa finalidade é o asesoramento ao alumnado para a creación de empresas. O viveiro, ao que a Consellería destinou 20.000 euros para adecuación das instalacións e dotación de mobiliario, dispón de tres espazos para emprendedores e unha sala de reunións. Un viveiro que -segundo recalcou o conselleiro Román Rodríguez- “será clave para fomentar o emprendemento, un dos desafíos da nova estratexia da FP para a vindeira década”.

A dotación deste espazo, xunto coa reforma dos talleres de cociña, tamén inaugurados, supuxo un investimento de máis de medio millón de euros neste centro por parte da Consellería de Cultura e Educación.

Os actos programados do 50 aniversario do CIFP Compostela continuarán durante os meses de abril, maio, outubro e novembro, coa celebración de talleres de cociña en directo e mesas redondas onde se abordarán temas tan variados como as novas tecnoloxías aplicadas á gastronomía, a impresión 3D, o marketing ou a intermediación en hostalería, entre outros. Dado que o aforo é reducido, os interesados en asistir ás ponencias deberán tramitar unha inscrición gratuíta a través da web do propio centro: www.50cifpcompostela.com .

Ademais do conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez; e do recoñecido cociñeiro donostiarra Martín Berasategui; o acto de hoxe contou coa presenza de antigos alumnos do centro, moitos deles prestixiosos cociñeiros ou persoal de sala que tamén é un referente no sector; e outros que agora son docentes en centros de hostalería de Galicia e de fóra de Galicia.

Os inicios

A orixe do actual CIFP Compostela data do ano 1967, ano en que comeza como Escola de Hostalería no Burgo das Nacións. Tras un breve período no actual Politécnico, desde o ano 1973 ocupa a actual sede en Lamas de Abade. Dez anos despois pasa a formar parte da rede de institutos de FP dependentes do Ministerio de Educación ata converterse en Centro Integrado en 2003.

Aínda que mantendo os estudos de Hostalería e Turismo, en 2006 o centro ampliou as súas instalacións coa construción dun novo edificio para acoller os ciclos das familias profesionais de Servizos socioculturais e á comunidade e de Artes Gráficas. A día de hoxe acolle a un total de 1.087 alumnos, dos cales 656 son da familia de Hostalería e turismo.

Ademais, forma parte da Rede Galega de Formación Profesional de Hostalería, constituída por oito centros que xeran un espazo dinámico, innovador e orientado a impulsar un sector clave na economía galega.

O chef Martín Berasategui inaugurará o 18 de abril os actos do 50 aniversario do CIFP Compostela

Cifp Compostela Lamas de Abade
  • A escola acollerá un amplo programa de actividades que finalizarán en novembro

Cifp Compostela Lamas de Abade

Santiago 11 de abril de 2017- O Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Compostela celebra este ano o 50 aniversario do seu nacemento, unha data que a escola quere conmemorar cun amplo e ambicioso calendario de actividades.  O acto de inauguración dos eventos programados ao longo deste ano, que será o vindeiro martes 18 de abril, estará presidido polo Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez González, ademais do Director Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira López, a dirección do centro e contará coa presenza do chef  Martín Berasategui.

 O cociñeiro donostiarra, que suma 8 estrelas Michelin, é o primeiro chef con dous restaurantes triestrellados na historia na Guía Vermella en España (a súa “casa nai” na localidade vasca de Lasarte-Oria e o restaurante Lasarte de Barcelona). Berasategui cumpriu o pasado mes de setembro 41 anos no oficio.

 Os actos do 50 aniversario continuarán durante os meses de abril, maio, outubro e novembro coa celebración de talleres de cociña en directo e mesas redondas ás que xa confirmaron a súa asistencia importantes profesionais do mundo da gastronomía. Ao longo destes meses tamén haberá espazo para falar das novas tecnoloxías aplicadas á gastronomía, a impresión 3D, os avances científicos nesta materia, de márketing de vangarda e da intermediación en hostalería.

O chef Martín Berasategui na inauguración dos actos do 50 aniversario do CIFP Compostela

Cifp Compostela Lamas de Abade

O Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Compostela conmemora este ano o 50 aniversario da súa orixe cunha ampla axenda de actividades. O acto de inauguración terá lugar o 18 de abril e estará presidido por Román Rodríguez, Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e contará coa presenza do chef Martín Berasategui, que suma 8 estrelas Michelin.

O cociñeiro donostiarra conta con 41 anos de experiencia no oficio e é o primeiro chef con dous restaurantes triestrelados na Guía Roja en España. A súa ‘casa nai’ atópase na localidade vasca de Lasarte-Oria, e en Barcelona podemos disfrutar dos seus pratos no restaurante Lasarte.

Entre as actividades organizadas polo CIFP, que se desenvolverán durante os meses de abril, maio, outubro e novembro, podémonos atopar con talleres de cociña en vivo e mesas redondas nas que participarán grandes profesionais do mundo da gastronomía. Tamén se dialogará sobre as novas tecnoloxías aplicadas ao mundo gastronómico, a impresión 3D e os avances científicos relacionados con esta materia.

Inauguración

18 abril >> 11 horas. Acto inaugural do 50 aniversario do CIPF Compostela, Escola de Hostalería de Lamas de Abade, coa presenza de autoridades e o cociñeiro estrela Michelin Martín Berasategui.