O salón de actos do CIFP Compostela acolleu o primeiro dos relatorios organizados con motivo do 50 aniversario do centro. Máis dun centenar de persoas, entre alumnos, ex alumnos, profesionais e amantes do mundo da restauración déronse cita para escoitar a tres dos máis importantes expertos nacionais en márketing hostaleiro.

Diego Coquillat investiga o proceso de transformación dixital da hostalería, e actualmente dirixe a axencia SMRestauranting. O profesor na Universidade de Alacante, a UNED, a Escola Chicote e o Basque Culinary Center explicou que “nos enfrontamos a un novo cliente, hiper conectado, informado e moito máis esixente. A tecnoloxía permítelle acceder a información onde e cando quere” polo que “xa non están limitados ao espazo físico de mesas e cadeiras”. Coquillat lanzou unha mensaxe moi clara: “É vital para a supervivencia do sector entender que a tecnoloxía permite que o cliente sexa cliente moito antes de ir ao restaurante, e que non deixa de selo unha vez que se marcha”.

Daniel Iglesias foi outro dos protagonistas da xornada. Experto na creación de estratexias de comunicación na internet, fundador de Soyunamarca.com e organizador do Congreso “Gastromarketing“, explicou aos asistentes cal pode ser o uso do márketing en tempo real, “axudando a usuarios de redes sociais a atopar un restaurante xusto cando o necesita”. O obxectivo é, segundo afirmou, que os negocios poidan “mellorar a súa reputación con accións creativas e ferramentas online” que cativen e ofrezan valor engadido aos clientes.

Erika Silva, fundadora da Escola de Márketing Gastronómico Online, explicou os cambios de futuro na xestión dos restaurantes e lembrou que, na actualidade, “dous de cada tres consumidores buscan produtos que lles proporcionen un estilo de vida saudable”. Para ela, o obxectivo que debe marcarse todo empresario é “facer soñar ao cliente, inspiralo” e lembrou que, en 2016, sacáronse máis fotos que nos últimos 100 anos, moitas delas de suxestivos pratos de comida.

Os actos do 50 aniversario continuarán durante os meses de maio, outubro e novembro. A seguinte cita do programa será un relatorio sobre o ‘Futuro da intermediación na hostalería’, onde falarán responsables das empresas Atrápalo.com e ElTenedor. Tamén están organizados para o mes que vén dous Showcooking-Catas a cargo da Denominación de Orixe Ribera del Duero o e do chef Alberto Lareo, do restaurante Manso de Santiago, centrado na cociña das algas.