- A escola acollerá un amplo programa de actividades que finalizarán en novembro
Santiago 11 de abril de 2017- O Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Compostela celebra este ano o 50 aniversario do seu nacemento, unha data que a escola quere conmemorar cun amplo e ambicioso calendario de actividades. O acto de inauguración dos eventos programados ao longo deste ano, que será o vindeiro martes 18 de abril, estará presidido polo Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez González, ademais do Director Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira López, a dirección do centro e contará coa presenza do chef Martín Berasategui.
O cociñeiro donostiarra, que suma 8 estrelas Michelin, é o primeiro chef con dous restaurantes triestrellados na historia na Guía Vermella en España (a súa “casa nai” na localidade vasca de Lasarte-Oria e o restaurante Lasarte de Barcelona). Berasategui cumpriu o pasado mes de setembro 41 anos no oficio.
Os actos do 50 aniversario continuarán durante os meses de abril, maio, outubro e novembro coa celebración de talleres de cociña en directo e mesas redondas ás que xa confirmaron a súa asistencia importantes profesionais do mundo da gastronomía. Ao longo destes meses tamén haberá espazo para falar das novas tecnoloxías aplicadas á gastronomía, a impresión 3D, os avances científicos nesta materia, de márketing de vangarda e da intermediación en hostalería.