O salón de actos do CIFP Compostela acolleu un intenso e interesante debate sobre as empresas de intermediación en hostalería. Sobre o escenario estiveron representantes das tres empresas máis importantes de España no ámbito da  intermediación hostaleira: Atrápalo, ElTenedor e restaurantes.com. Durante máis de dúas horas explicaron cal é o presente e o futuro das empresas de intermediación, e como traballan para axudar aos restaurantes e os potenciais clientes. Estas ponencias enmárcanse dentro das actividades que o noso centro está a organizar para conmemorar o 50 aniversario.

Os numerosos asistentes ás charlas tiveron a  oportunidade de escoitar a Alejandro Lorenzo, socio cofundador de ElTenedor, unha empresa que naceu en Francia no ano 2006 e que actualmente xa está presente en máis de 11 países do mundo. Lorenzo explicou como foi a evolución do mercado e como a súa compañía traballa diariamente para facilitarlle aos usuarios a tarefa de “descubrir e reservar o restaurante perfecto”. O responsable de ElTenedor tamén falou do seu traballo cos restaurantes, cos que colabora para “facer crecer o seu negocio” e sobre a reputación online, que considera  “o altofalante máis grande do mundo”.

Antonio Fernández Ruiz, fundador e CEO de restaurantes.com, aproveitou a súa presenza en Santiago para falar da tecnoloxía e do márketing postos ao servizo do restaurante. Fernández Ruiz afirmou que o mercado español é “un dos máis fragmentados de Europa, coa penetración tecnolóxica máis baixa” pero que, aínda así, existe unha enorme oportunidade “para procesar o mercado de turistas desde os seus países de orixe”, algo para o que o teléfono “segue sendo un elemento crave do éxito”.

 A última relatora do día foi Helena Perelló, responsable de comunicación de Atrápalo. Na súa intervención, na que non faltou a música a cargo dunha guitarra, afirmou que o principal obxectivo da súa empresa “é que todo o mundo poida gozar do seu tempo libre”. Neste senso, a representante de Atrápalo explicou brevemente como todo o equipo se adica a “atopar e vender plans interesantes a prezos económicos”.  Para Perelló a restauración é unha das partes máis demandados na intermediación.

 

Outras actividades do 50 aniversario

As actividades conmemorativas do 50 aniversario do CIFP Compostela continuarán durante todo o mes. O día 15, o centro acollerá unha cata maridada protagonizada pola Denominación de Orixe Ribera del Duero. O martes 23, o protagonista será o cociñeiro galego Alberto Lareo, do compostelán Restaurante Manso, para realizar un showcooking sobre a cociña con algas.

Por último, o 30 de maio tres dos grandes cociñeiros nacionais darán unha ponencia sobre a figura do chef emprendedor. Falarán Sergi Arola, sobre ‘Marca personal’, Pepe Vieira, do restaurante Pepe Vieira e Ultramar; e Yayo Pazos e Marcos Cerqueiro, do Abastos 2.0 & Barra Atlántica.

As actividades retomaranse despois del periodo estival. En outubro e novembro haberá máis ponencias e catas en directo. Podedes consultar toda a programación na web http://50cifpcompostela.com/es/