Case un cento de persoas, entre alumnos, profesores e profesionais relacionados co mundo da restauración e a hostalería asistiron o luns o o martes a unha cata maridada con viños Denominación de Orixe Ribera del Duero. A xornada enmárcase como un dos actos que o CIFP Compostela organiza co gallo do 50 aniversario do centro. As catas deron comezo cunha exhaustiva explicación das características destes viños por parte de Alberto Tobes, técnico do Consello Regulador, quen falou da tipicidade dos seus viños e as técnicas de cultivo e de elaboración.

Despois da parte máis teórica, levouse a cabo unha maridaxe con viños da D.O. Ribera del Duero. Elaboráronse os seguintes pratos: Lomitos de caballa ao forno sobre pisto, Tosta de pan galego con salmón afumado sobre cremoso de queixo, Guiso de fabas de Lourenzá con morcilla e touciño, Coxa de coello á cazadora (bacon, pataca parisien, champiñóns e un caldo ou fondo de hortalizas), Pequeno entrecôtte de Tenreira Galega á pementa negra con pataca ponte nova, Rabo de Tenreira Galega estofado con crema de pataca de Galicia, e Mousse de chocolate negro sobre biscoito de avelá e coulis de froitas vermellas (amorodos e moras).

Os pratos foron maridados acompañando aos viños xenéricos do Consello Regulador da D.O. Ribera del Duero: viño tinto xoven, viño tinto xoven en barrica, viño tinto crianza, viño tinto reserva, viño tinto Gran reserva e viño de autor.

Alberto Tobes explicou que o obxectivo era doble: Buscar o mellor bocado con cada viño e comprobar, “cos viños diante, cal combina mellor con cada prato”. O motivo de que foran viños sen etiqueta de adega débese a que o Consello Regulador, ademais de ter viños propios, “non pode promocionar unha adega concreta”, senón a todas as que integran o organismo.

Máis actividades

Este mes de maio o CIFP Compostela acollerá outro showcooking-cata, que impartirá o cociñeiro Alberto Lareo, do restaurante Manso de Santiago de Compostela, sobre a Cociña das Algas. As actividades do 50 aniversario do centro programadas para maio finalizarán o día 30 con relatorios de catro dos grandes cociñeiros nacionais, que tratarán a figura do chef emprendedor: Sergi Arola, Pepe Vieira, do restaurante Pepe Vieira y Ultramar; e Yago Pazos e Marcos Cerqueiro, do Abastos 2.0 & Barra Atlántica.