Tecnoloxía e cociña

Santiago, 10 de outubro de 2017– O salón de actos do CIFP Compostela acolleu, esta mañá, a primeira das conferencias da segunda fase de eventos programados con motivo do 50 aniversario do centro. Mais dun centenar de persoas, que se inscribiron previamente para asistir ao coloquio, déronse cita para escoitar a tres dos máis importantes expertos nacionais sobre novas tecnoloxías no ámbito da cociña.

José Ramón Tramoyeres, que realizou a primeira impresión 3D en España no ano 2012,  falou sobre o seu traballo en food design coa empresa ggarchitect, a través de exemplos da súa colaboración con cociñeiros como Paco Morales e Quique Dacosta. O experto explicou para os presentes casos prácticos de aplicación de tecnoloxías de deseño e fabricación dixital en food design, aplicado a todas as escalas, desde a impresión 3D de alimentos ao deseño de espazos gastronómicos.

David López Gamero, fundador de Fooday.es e experto en asesoramento e desenvolvemento tecnolóxico para restaurantes que traballou durante 15 anos para El Bulli, explicou como axudar ás empresas do sector a reinventarse para ser máis eficientes a través de exemplos reais, e ofreceu a todos as presentes recomendacións sobre o uso das novas tecnoloxías no mundo da xestión en restauración.

Por último, Javier García Madruga tratou o tema das revolucións tecnolóxicas no ámbito da alimentación a través de diferentes casos prácticos, unha materia na que é un recoñecido experto grazas ao seu traballo como Business Development Manager na empresa Reimagine Food, que conecta a startups, emprendedores, foodies, chefs e marcas internacionais.

Os actos do 50 aniversario continuarán ata o mes de novembro. A seguinte cita do programa será un relatorio sobre a ciencia na restauración, onde falarán reputados científicos, médicos e biólogos expertos na materia. Tamén está organizado para este mes un showcooking da man da chef compostelá Lucía Freitas. Os interesados en asistir a calquera destes eventos, que son de carácter gratuíto, poden inscribirse a través da web https://50cifpcompostela.com/gl/.