O chef Alberto Lareo, ex alumno do noso centro e actual propietario do restaurante Manso de Santiago de Compostela, protagonizou un showcooking-cata centrado na cociña con algas, unha das súas especialidades. Nesta clase maxistral, enmarcada nos actos do 50 aniversario do CIFP Compostela, o cociñeiro contou co apoio de Antonio Muiños, copropietario da empresa galega Porto Muiños, pioneira na comercialización de algas.
O acto, que se desenvolveu na aula de I+D+i da escola, foi seguido por unhas 40 persoas entre alumnos, ex alumnos e persoal relacionado co mundo da restauración e a gastronomía. Antonio Muiños explicou o funcionamento da súa compañía, así como da evolución e o éxito comercial dos seus produtos, do proceso de produción das algas dende a súa recollida nas costas galegas ata chegar aos pratos de comensais de toda España e Europa. O empresario fixo especial fincapé no valor nutricional e culinario destes vexetais de marisma, cada vez máis importantes na nova cociña galega.
Ao longo das dúas horas que durou a cata, Alberto Lareo elaborou en directo varios pratos, incluíndo a sobremesa. En todos eles, as verduras, o peixe e as froitas compartiron protagonismo coas algas, combinando sabores e texturas con esencia atlántica.
Celebración do 50 aniversario
As actividades programadas polo 50 aniversario da escola de Lamas de Abade finalizarán no mes de novembro. Este mes de maio é o último con eventos programados antes do parón estival. O vindeiro martes 30 terá lugar unha conferencia sobre ‘O éxito empresarial en restauración. A figura do chef emprendedor’, na que se analizarán varios casos de éxito ligados a cociñeiros de renome: Sergi Arola, Pepe Vieira, do restaurante Pepe Vieira & Ultramar; e Yago Pazos e Marcos Cerqueiro, do Abastos 2.0 & Barra Atlántica. En outubro e novembro, continuarán as charlas e os showcooking-cata en directo.