Sergi Arola, Pepe Vieira e Iago Pazos foron os protagonistas dunha xornada para falar sobre “O éxito empresarial na restauración. A figura do chef emprendedor”. O salón de actos do CIFP Compostela recibiu a estes tres referentes da cociña a nivel nacional e internacional dentro do programa de actividades organizada co gallo do seu 50 aniversario.

O chef Sergi Arola, discípulo de Ferrán Adrià, está considerado un referente da cociña española tralo seu paso polos principais laboratorios de cociña creativa. O cociñeiro, quen foi o primeiro chef en recibir dúas estrelas Michelin na mesma edición da guía, falou da “Marca persoal en restauración”. O seu estilo, baseado “na fusión das tradicións locais, os sabores coñecidos e a imaxinativa posta en escena” e a súa aposta por unha experiencia “divertida e sorprendente arredor da boa mesa” na que conflúen receitas orixinais da cociña española e catalá e a presenza “delicada” da alta gastronomía.

Pepe Vieira, responsable do restaurante Pepe Vieira e Ultramar e integrante do Grupo Nove, foi outro dos ponentes. O cociñeiro galego falou da dificultade de atopar unha “idea clara e definida” para montar un negocio de restauración. O cociñeiro falou da importancia de coñecer ao público ao que se quere chegar, onde está e cal é o plan de empresa, e tamén das grandes dificultades ás que todo chef emprendedor debe facer fronte. A pesar dos atrancos, Pepe Vieira recoñeceu a enorme satisfacción que aporta persoal e profesionalmente ter un negocio onde, ademais da figura do cociñeiro, é fundamental “rodearse dun bo equipo”.  

 Iago Pazos realizou un repaso pola traxectoria de Abastos 2.0, que comezou a súa andaina no ano 2009 no Mercado de Abastos de Compostela. Pazos falou do seu concepto gastronómico, coñecido como ‘Cociña da normalidade’, “chea de respecto e honestidade” na que a materia prima é a raíña. O escenario, o trato e a importancia das pequenas cousas redondean unha idea de negocio gastronómico enfocada no Atlántico noroeste e feita “para sentir”.

Estas charlas sobre o éxito en restauración pecharon a primeira parte do programa de actividades que o CIFP Compostela organiza polo seu 50 aniversario. Os actos reanudaranse despois do parón estival, nos meses de outubro e novembro, con máis conferencias e catas en directo. Pódese consultar a programación completa a través da páxina web habilitada pola escola para a ocasión: https://50cifpcompostela.com/gl/https://50cifpcompostela.com/gl/.