O chef Alberto Lareo, ex alumno do noso centro e actual propietario do restaurante Manso de Santiago de Compostela, protagonizou un showcooking-cata centrado na cociña con algas, unha das súas especialidades. Nesta clase maxistral, enmarcada nos actos do 50 aniversario do CIFP Compostelao cociñeiro contou  co apoio de Antonio Muiños, copropietario da empresa galega Porto Muiños, pioneira na comercialización de algas.

O acto, que se desenvolveu na aula de I+D+i da escola, foi seguido por unhas 40 persoas entre alumnos, ex alumnos e persoal relacionado co mundo da restauración e a gastronomía. Antonio Muiños explicou o funcionamento da súa compañía, así como da evolución e o éxito comercial dos seus produtos, do proceso de produción das algas dende a súa recollida nas costas galegas ata chegar aos pratos de comensais de toda España e Europa. O empresario fixo especial fincapé no valor nutricional e culinario destes vexetais de marisma, cada vez máis importantes na nova cociña galega.

Ao longo das dúas horas que durou a cata, Alberto Lareo elaborou en directo varios pratos, incluíndo a sobremesa. En todos eles, as verduras, o peixe e as froitas compartiron protagonismo coas algas, combinando sabores e texturas con esencia atlántica.

Celebración do 50 aniversario

As actividades programadas polo 50 aniversario da escola de Lamas de Abade finalizarán no mes de novembro. Este mes de maio é o último con eventos programados antes do parón estival. O vindeiro martes 30 terá lugar unha conferencia sobre ‘O éxito empresarial en restauración. A figura do chef emprendedor’, na que se analizarán varios casos de éxito ligados a cociñeiros de renome: Sergi Arola, Pepe Vieira, do restaurante Pepe Vieira & Ultramar; e Yago Pazos e Marcos Cerqueiro, do Abastos 2.0 & Barra Atlántica. En outubro e novembro, continuarán as charlas e os showcooking-cata en directo.