Inauguración 50 CIFP Compostela

O Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Compostela celebra o seu 50 aniversario convertido hoxe nun referente nacional e internacional nos estudos de FP de Hostalería e Turismo. O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, presidiu  acto central desta conmemoración, que contou coa presenza como invitado especial do chef Martín Berasategui; ambos acompañados do director do centro, Ramiro Esparís; e do director xeral de Educación, FP e Formación Profesional, Manuel Corredoira.

Martín Berasategui destacou que o avance acadado no eido gastronómico non sería posible sen a existencia de centros de formación coma o CIFP Compostela. Tras subliñar que a orixe da actual cociña comeza polas materias primas que proporciona a natureza, emprazou aos estudantes do centro a ser perseverantes, inconformistas e actuar con “ambición sa” para seguir medrando na súa profesión.

Na súa intervención, o conselleiro Román Rodríguez destacou o CIFP Compostela como centro precursor do ensino da Hostalería en España, cuxas ensinanzas foron unha constante e un sinal de identidade ao longo destas cinco décadas. Segundo o conselleiro, o seu proxecto pedagóxico encaixa á perfección no modelo de formación profesional que estamos a desenvolver para a vindeira década.

O responsable de Educación do Goberno galego aproveitou para agradecer o traballo desenvolvido por este centro e a súa constante aposta pola innovación e pola calidade, unha traxectoria avalada polos numerosos premios acadados polo seu alumnado en múltiples competicións (Galiciaskills, Spainskills, Euroskills, Innova FP).

Precisamente, en referencia aos estudantes que están e que pasaron por este CIFP (nove deles foron recoñecidos con estrelas Michelin), o conselleiro amosou o orgullo de contar cuns profesionais preparados, emprendedores e de prestixio cuxa formación académica e traxectoria profesional contribúe a reforzar un sector estratéxico e con gran potencial en Galicia, como é o da Hostalería, e, sobre todo, “a dignificar a profesión”.

Fomentar o emprendemento

Aproveitando a celebración deste 50 aniversario, quedou inaugurado o viveiro de empresas do centro, que comezará a funcionar de xeito inmediato, e cuxa finalidade é o asesoramento ao alumnado para a creación de empresas. O viveiro, ao que a Consellería destinou 20.000 euros para adecuación das instalacións e dotación de mobiliario, dispón de tres espazos para emprendedores e unha sala de reunións. Un viveiro que -segundo recalcou o conselleiro Román Rodríguez- “será clave para fomentar o emprendemento, un dos desafíos da nova estratexia da FP para a vindeira década”.

A dotación deste espazo, xunto coa reforma dos talleres de cociña, tamén inaugurados, supuxo un investimento de máis de medio millón de euros neste centro por parte da Consellería de Cultura e Educación.

Os actos programados do 50 aniversario do CIFP Compostela continuarán durante os meses de abril, maio, outubro e novembro, coa celebración de talleres de cociña en directo e mesas redondas onde se abordarán temas tan variados como as novas tecnoloxías aplicadas á gastronomía, a impresión 3D, o marketing ou a intermediación en hostalería, entre outros. Dado que o aforo é reducido, os interesados en asistir ás ponencias deberán tramitar unha inscrición gratuíta a través da web do propio centro: www.50cifpcompostela.com .

Ademais do conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez; e do recoñecido cociñeiro donostiarra Martín Berasategui; o acto de hoxe contou coa presenza de antigos alumnos do centro, moitos deles prestixiosos cociñeiros ou persoal de sala que tamén é un referente no sector; e outros que agora son docentes en centros de hostalería de Galicia e de fóra de Galicia.

Os inicios

A orixe do actual CIFP Compostela data do ano 1967, ano en que comeza como Escola de Hostalería no Burgo das Nacións. Tras un breve período no actual Politécnico, desde o ano 1973 ocupa a actual sede en Lamas de Abade. Dez anos despois pasa a formar parte da rede de institutos de FP dependentes do Ministerio de Educación ata converterse en Centro Integrado en 2003.

Aínda que mantendo os estudos de Hostalería e Turismo, en 2006 o centro ampliou as súas instalacións coa construción dun novo edificio para acoller os ciclos das familias profesionais de Servizos socioculturais e á comunidade e de Artes Gráficas. A día de hoxe acolle a un total de 1.087 alumnos, dos cales 656 son da familia de Hostalería e turismo.

Ademais, forma parte da Rede Galega de Formación Profesional de Hostalería, constituída por oito centros que xeran un espazo dinámico, innovador e orientado a impulsar un sector clave na economía galega.