O CIFP Compostela pecha o ciclo de conferencias do seu 50 aniversario falando sobre a ética no xornalismo gastronómico

Xornalismo gastronómico Santiago, 24 de novembro de 2017– O CIFP Compostela pechou o ciclo de conferencias programadas polo seu 50 aniversario, que comezaron no mes de abril, cun coloquio celebrado onte no salón de actos do centro,  e que versou sobre o código ético no xornalismo gastronómico do futuro.

A conferencia, que moderou o coñecido presentador do telexornal da Televisión de Galicia Carlos Macía; tivo como protagonistas a 3 persoeiros destacados no mundo da comunicación gastronómica: Carlos Maribona, crítico gastronómico para ABC e autor dun dos blogues máis importantes do país, Salsa de Chiles; Miguel Vila, director da revista gastronómica BenBo e autor do blogue Colineta; e André Arzúa, propietario do restaurante A Fábrica de Vilanova, cociñeiro no programa da TVG A Cociña de André e creador do Espazo Abella, un lugar pensado para a formación de chefs profesionais.

As actividades non rematan

Pese a pechar con este evento o ciclo de conferencias, as actividades do 50 aniversario do CIFP Compostela aínda non remataron. O vindeiro martes 28 celebrarase no centro, co gallo da conmemoración dos 25 anos da Expo de Sevilla 92, un xantar de confraternidade coa asociación Amigos da Cociña Galega, coa que colaboraron alumnos da escola no restaurante do pavillón de Galicia desta Exposición Universal.

Tamén está programado, para principios de decembro, o acto de clausura das actividades do 50 aniversario, no que se celebrarán degustacións especiais,showcookings e masterclass para o desfrute dos alumnos e o resto de asistentes. 

Rafael González

Rafael González - Vivential Value

Rafael González é licenciado en Administración e Dirección de Empresas pola Universidade de Barcelona e fundador de Vivential Value, consultora especializada en innovación en intelixencia turística online con foco no estudo da Identidade e a Reputación online de empresas e territorios turísticos.

Na actualidade, lidera o deseño de novas metodoloxías e indicadores sectoriais para Vivential Value, como o iRon Índice de Reputación Online® (con aplicación en decenas de destinos desde 2008), ou os Monitores de Reputación Online™ de destinos (Aloxamentos, Gastronomía, Enoturismo, Wellness, Natureza, Cultura, Negocio, Praias, etc).

Ademais, Rafael é colaborador de organismos de xestión de destinos líderes nos seus respectivos segmentos, así como centros de innovación e universidades de referencia. Conta con ampla experiencia como docente e conferenciante en relación a Reputación Online, Destinos Intelixentes, Smart Data, Innovación.

Estará no CIFP Compostela o:

7 novembro >> De 10 a 12 horas Xeradores de opinión. Sobrevivindo aos algoritmos

  • Rafael González. Fundador e socio director en Vivential Value.

O chef Martín Berasategui inaugurará o 18 de abril os actos do 50 aniversario do CIFP Compostela

Cifp Compostela Lamas de Abade
  • A escola acollerá un amplo programa de actividades que finalizarán en novembro

Cifp Compostela Lamas de Abade

Santiago 11 de abril de 2017- O Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Compostela celebra este ano o 50 aniversario do seu nacemento, unha data que a escola quere conmemorar cun amplo e ambicioso calendario de actividades.  O acto de inauguración dos eventos programados ao longo deste ano, que será o vindeiro martes 18 de abril, estará presidido polo Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez González, ademais do Director Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira López, a dirección do centro e contará coa presenza do chef  Martín Berasategui.

 O cociñeiro donostiarra, que suma 8 estrelas Michelin, é o primeiro chef con dous restaurantes triestrellados na historia na Guía Vermella en España (a súa “casa nai” na localidade vasca de Lasarte-Oria e o restaurante Lasarte de Barcelona). Berasategui cumpriu o pasado mes de setembro 41 anos no oficio.

 Os actos do 50 aniversario continuarán durante os meses de abril, maio, outubro e novembro coa celebración de talleres de cociña en directo e mesas redondas ás que xa confirmaron a súa asistencia importantes profesionais do mundo da gastronomía. Ao longo destes meses tamén haberá espazo para falar das novas tecnoloxías aplicadas á gastronomía, a impresión 3D, os avances científicos nesta materia, de márketing de vangarda e da intermediación en hostalería.